Sunday 08 de September de 2024

O Concello de Lousame e Abanca ensinarán aos maiores a usar caixeiros como o instalado en Portobravo de forma fácil e segura


O Concello de Lousame e Abanca organizan unha sesión formativa dirixida a que persoas maiores do municipio aprendan a utilizar os caixeiros da entidade dunha forma fácil e segura. Unha actividade que terá lugar o vindeiro martes 18 de xuño, ás 11:00 horas, na casa consistorial en Portobravo, onde Abanca instalou un caixeiro en marzo de 2022.

Unha formadora de Abanca explicaralles aos maiores de Lousame como funciona o caixeiro e cales son as operacións máis habituais que se poden realizar. Unha formación que incluirá unha primeira presentación en imaxes para despois poñer a proba os coñecementos adquiridos sobre o propio caixeiro, resolvendo así as dúbidas que lles vaian xurdindo. A mestra fará fincapé en que as xestións se poden facer con confianza e con todas as garantías de seguridade, sempre que se sigan as recomendacións básicas de seguridade.

A participación nesta actividade, enmarcada no Programa de Educación Financeira de Abanca, é totalmente libre e de balde, polo que non é precisa inscrición previa. Esta será a segunda formación que a entidade ofreza en Lousame despois da instalación do caixeiro na fachada da propia casa consistorial en marzo de 2022, grazas á colaboración da Xunta de Galicia. A maiores, o propio Concello de Lousame organizara un “Taller de manexo do caixeiro” en xullo do mesmo ano, en colaboración coa Consellería de Política Social a través do programa “Mantente ao día”.